A Coruña 27 de xaneiro de 1889

París (Francia) en 1919

Este pintor coruñés emigrou coa familia a Bos Aires con dous ou tres anos. Aí fórmase na Escola de Belas Artes. A coleccionista arxentina María Jáuregui de Pradere, filla de emigrantes vascos, actuou de mecenas e sufragoulle a Taibo os estudos na célebre Académie Julian de París contra 1905. Retornou a Bos Aires en 1910 con motivo do centenario da independencia e realizou unha primeira exposición na famosa Galería Witcomb, con éxito de crítica.

Desde París, Germán Taibo enviou cadros para a Exposición de Pintura da Coruña do ano 1912 e tamén para a do ano 1917. A Primeira Guerra Mundial fixo que regresase a España coa modelo Simone Nafleux, nai da súa filla. Realiza unha exposición en Madrid e aproveita para estudar no Museo del Prado.

Nos meses de 1918 que permaneceu na Coruña, Germán Taibo pintou varios cadros de paisaxe da cidade e dos arredores.

Ao acabar a Guerra, retornou a París e morreu o 14 de febreiro de 1919 pola chamada gripe española, malográndose así unha das grandes esperanzas da arte galega. O pai acabou ofrecéndolle ao Concello da Coruña os seus cadros máis destacados.