Santiago, 1837- Padrón, 1885 A principal poeta da literatura galega moderna naceu en Santiago o 24 de febrero de 1837. Os seus país foron a fidalga padronesa María Teresa de la Cruz de Castro y Abadía e o crego José Martínez Viojo. Sábese moi pouco dos primeiros anos da súa infancia, pero en 1842 xa aparece en Padrón coa súa nai, á que lle dedicará o seu segundo poemario, A mi madre (1863). En 1850, pasan a vivir en Santiago, onde  ela adquire a súa formación intelectual e participa con compañeiros de xeración nas actividades do Liceo de la Juventud. En abril de 1856, Rosalía marcha a Madrid, onde publica La flor (1857), que sería comentado eloxiosamente por Manuel Murguía. O 10 de outubro de 1858 casou con este escritor, que sempre a alentará na elaboración da súa obra literaria e mesmo na publicación de Cantares gallegos (1863), obra fundamental do Rexurdimento. Nunha primeira etapa, Rosalía acompañou a Murguía nos diferentes destinos laborais: en Simancas (1869-1870) compuxo a maior parte de Follas novas (1880) en Madrid, onde coincidiu con G.A. Bécquer. Xa en Galicia desde 1871,  Rosalía viviu na Coruña, Santiago, Lestrobe e, desde 1882, na casa da Matanza en Padrón, onde morreu de cancro o 15 de xullo de 1885, un ano despois da publicación de seu outro poemario fundamental,  En las orillas del Sar (1884). Na Coruña, o matrimonio Rosalía-Murguía residiu na rúa Príncipe, nº 3. Xa se lle dedicou unha rúa en 1900 a iniciativa dun concelleiro republicano. Tamén se bautizou co seu nome o Teatro Principal