Naceu en Ourense o 11 de marzo no 1860 e faleceu na cidade de Santiago de Compostela o 9 de febreiro no 1902.
O escritor Alberto García Ferreiro estudou Dereito na Universidade de Santiago e estableceuse na súa cidade, onde destacou tamén como xornalista. Fundou e dirixiu a revista La Pluma e o xornal La Defensa de Galicia. Colaborou nunha revista galega O Tío Marcos da Portela de Valentín Lamas Carvajal, con quen acabaría mantendo rexas polémicas. Como o seu admirado Curros Enríquez, García Ferreiro foi republicano e anticlerical. Profundamente galeguista, en Ourense encargouse de organizar a delegación da Asociación Regionalista, o partido que lideraba Manuel Murguía
Mercé á iniciativa de García Ferreiro, que presidiu a comisión organizadora, erixíuselle en Ourense unha estatua a Concepción Arenal en maio de 1898. Era a primeira estatua que se lle dedicaba en España a unha muller.
Como poeta, García Ferreiro iniciouse en castelán e logo publicou catro obras en galego de escasa valía estética entre 1887 e 1892. A súa obra máis estimada é Lenda de groria (1890) sobre o ataque á Coruña de Francis Drake en 1589. Con ela fíxose co primeiro premio no certame que en 1890 organizou na Coruña o Liceo Brigantino.