(A Coruña, 1903-Nova York, 1991)
Este historiador e político republicano naceu no barrio coruñés de San Roque. No instituto Eusebio da Guarda foi alumno do filósofo e escritor galeguista Xohán Vicente Viqueira. Estudou Dereito en Madrid e formou parte do grupo galeguista Mocedade Céltiga.
Foi un dos fundadores da Federación Universitaria Escolar (FUE), unha organización de estudantes universitarios que se destacaría na loita contra a ditadura de Primo de Rivera. Licenciouse en 1926 e en 1931 xa conseguiu a cátedra de Dereito Penal na universidade da La Laguna.
Como seguidor do político Santiago Casares Quiroga, foi deputado republicano pola provincia da Coruña nas tres lexislaturas da II República, primeiro nas filas da ORGA e logo en Izquierda Republicana de Manuel Azaña. Exiliouse en Nova York e impartiu clase de Lingua e Literatura española no Hunter College desta cidade dende 1940 e anos máis tarde na Universidade de Nova York.
Se antes do exilio González López estaba especializado en Dereito, en Estados Unidos elaborou numerosos volumes sobre Historia de Galicia e literatura española. En 1991 foi nomeado Cronista Xeral de Galicia e doutor honoris causa da Universidade da Coruña. En agosto de 2007, erixíuselle un busto na rúa a el dedicada no barrio dos Rosais.