(Lisboa, c. 1524-1580)
O poeta Luís Vaz de Camoens, o autor clásico por antonomasia da literatura portuguesa, naceu probablemente en Lisboa contra 1524 no seo dunha familia da baixa nobreza empobrecida. Os seus antepasados eran oriundos de Galicia: o seu tataravó Vasco Pires de Camoens trasladouse a Portugal en 1370.
Luís de Camoens estudou en Coimbra, pero, como noutros escritores do Renacemento, a falta de recursos obrigouno a optar pola carreira das armas. Perdeu un ollo nunha batalla en Marrocos. En 1552, por ferir a un funcionario real, pasou varios meses no cárcere e logo viaxou á India. Residiu nas ciudades de Goa e Macau. Na costa da Conchinchina , actual sur do Vietnam, Camoens sufriu un naufraxio, no que perdeu a súa amante chinesa e as riquezas que portaba, pero deu salvado o manuscrito de Os Lusíadas. Regresou a Lisboa en 1569 co seu poema épico, que editou en 1572. Nos últimos anos, Camoens viviu na miseria, e do seu enterro, en 1579 ou 1580, debeu facerse cargo unha institución de beneficencia.
Os escritores galegos Rosalía de Castro, Antonio Romero Ortiz e Emilia Pardo Bazán, colaboraron con diversos textos no terceiro centenario do seu pasamento, celebrado o 10 de xuño de 1880. Na Coruña, o 27 de novembro de 1924, a Real Academia Galega conmemorou o cuarto centenario do seu nacemento coa intervención do poeta simbolista Eugénio de Castro decano da facultade de Letras de Coimbra.